Thursday 09 de May de 2024

Dous microbuses darán servizo de transporte a demanda no rural compostelán


Será no pleno do próximo día 10 no que, con cargo aos remanentes, se aprobará destinar unha partida de medio millón de euros para a súa adquisición
Sánchez Bugallo reuniuse este domingo coa veciñanza de Busto onde se acometerán obras de arranxo das pontes situadas nas aldeas de Barcavella e no Castro.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2023. Nun encontro coa veciñanza de Busto, o alcalde avanzou máis detalles do funcionamento do transporte a demanda que porá en marcha, e que vén da man da renovación do servizo transporte urbano que seguirá dando servizo ás vías troncais.

Un servizo de transporte a demanda no que “a través dunha web, dun teléfono ou da propia asociación de veciños” cada persoa poderá solicitar o servizo de transporte. No caso de Busto, segundo explicou Sánchez Bugallo, existirá unha ruta que conectará Cesar, Barciela, o propio Busto e Nemenzo.

“Temos que ter en conta que estamos a falar dunha extensión de máis de 20 quilómetros de ruta, polo que a organización, canalizando as solicitudes da veciñanza a través dos mecanismos dos que se dispoña, será fundamental para ofrecer un servizo de transporte que sexa realmente áxil e práctico para a veciñanza do rural” explicou o alcalde.

Será no pleno extraordinario, inicialmente previsto para o día 10 de maio, no que se aprobará o reparto de remanentes, dos que medio millón de euros irá destinado a adquisición destes dous microbuses que farán un servicio inicia “sen prexuízo de que, despois dun tempo, poidamos reforzalo con algún outro vehículo”.

Reparación das pontes de Barcavella e Castro

Ademais do alcalde, no encontro participaron o concelleiro de Obras, Gonzalo Muíños; de Medio Ambiente, Mila Castro; a de Facenda, Marta Abal e Isabel Gómez, integrante da candidatura e veciña do rural norte.

Durante a reunión os veciños trasladaron a necesidade de reparar dúas pontes situadas nas aldeas de Barcavella e Castro. O alcalde asegurou que estas actuacións realizaranse pola vía de urxencia.